Ler, pensar, escribir, compartir e participar.

30 mar 2011

Palabras de Fina.

A LECTURA COMO ESPAZO PRIVADO: POR FINA CASALDERREY


“Se se sementan ben, nunca as palabras de amor esquecen de todo nin nos corazóns máis bravos.” (Cabalo de ouros, Víctor Freixanes)

Para explicar a maxia que o acto de ler entraña ao meu ver, pedinlle aos trasgos que me conducisen, non ao momento no que aprendín a descifrar un código escrito, senón a cando —aínda preadolescente— houben de ler para outra persoa sen ser de todo consciente do privilexio do que gozaba.

Había en Lérez, a carón da miña casa, unha velliña que podía ler nos píos dos paxaros, nas cores das uvas, nas miradas, nos silencios, no respirar da xente, no cristal das augas, na ladaíña da brisa, nos latexos da luz, nos magnolios, nas tatuaxes do tempo, nas melancolías..., pero non sabía descodificar palabras escritas. A señora Aurora chamábame cada vez que recibía carta do seu fillo. Antes de a ler, as dúas descoñeciamos o que dicía; era coma se, xuntas, fósemos exploradoras na procura de algo que estaba a piques de ser, pero que aínda non era. Eu ignoraba que ler para outros tiña unha historia máis longa e viaxeira e que, en moitos lugares, mesmo chegara a ser unha institución. Xa Plinio o Novo mencionaba nas súas cartas o momento no que, na hora do xantar e na compaña da súa familia, pedía que lles lesen en voz alta; daquela o libro viraba nun talismán.

A señora Aurora sentaba nunha vella cadeira de madeira e eu na súa cama, sobre unha colcha, que uns días aparecía cuns faisáns da cor do ouro nun estanque morado, e outros, eran os faisáns quen se volvían morados e o estanque da cor do ouro. Cheiraba a mazás, a leña, a cirio, a estampas dos santos que recortaba dos calendarios e que poboaban as paredes. Sacaba do seo a carta, entregábama nun rito secreto e, cal navío nunha tempestade de tenrura, agardaba ancorada naquel porto a que eu comezase coa lectura. Eu era a súa inocente —e inconsciente— confidente oficial.

Vestía a miña voz con toda a solemnidade de que era capaz para transcribir aquela letra bicuda en palabras, algunhas delas continuaban a gardar algúns segredos para min. Eran cartas que principiaban falando de saúde, continuaban coma un diario de abordo que recollese todo o que ía acontecendo nun tempo de travesías e de ausencias para remataren con saúdos ata para a veciñanza. Polo rabo do ollo observaba o rostro da señora Aurora: agromaba un sorriso, unha bágoa... Nada máis rematar, pedíame que lla repetise unha vez, e outra vez, e outra máis... Logo entregáballa, marchaba e ela permanecía hipnotizada, coa mirada prendida naquel papel raiado cunha paz de seda, lendo sen saber ler; a soas con aquela canción que o seu fillo escribira para ela, sen intermediarios, nunha liberdade máis íntima.


Visto e lido en " O BLOG DE GÁLIX"